Unha publicación relata a evolución da canción protesta galega

mércores, 27 Xuño, 2018

O Consorcio de Santiago, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago acaban de publicar Agora entramos nós. Voces Ceibes e a canción protesta galega. É un libro da historiadora Sheila Fernández Conde, que aborda o nacemento e evolución deste movemento en Galicia dende finais dos anos sesenta ata os anos oitenta do pasado século.

 

Tal como se lembra no libro, nos anos sesenta do século XX agroma un novo ordenamento político-social internacional. Prodúcese un profundo cambio xeracional e a mocidade, farta de aceptar as políticas impostas, irrompe con forza, rachando coa moralidade convencional e reformulando valores e actos herdados.

 

A autora indica que para a sociedade galega dos anos sesenta o xogo desenvolvíase, ademais, nunha liga de extrema complexidade, pois tratábase de loitar ideolóxica e activamente contra o aparato dunha ditadura que, malia estar en perigo, seguía anulando toda posibilidade de oposición ou inconformismo. Un intre histórico de aniquilación das liberdades que requiría a toma de posesión de espazos, vía na cal a canción converteuse nunha arma cargada de futuro. A música permitiu que unha loita que xa esmorecía tomase novos folgos, xa que, entre outras cousas, substituía todo aquilo que non se podía cumprir no terreo público: a canción substituía o mitin.

 

A historia da canción protesta en Galicia arranca o 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Un grupo formado por oito mozos estudantes en Compostela, ao que chamaron Voces Ceibes, daba o seu primeiro recital (este ano cúmprense 50 anos do nacemento do grupo). O que pasou antes e que veu despois está contado nas páxinas deste libro.

 

O libro recolle as vivencias de varios cantautores

 

Tal como apunta Sheila Fernández, “a canción protesta que se desenvolve en Galicia nos anos do franquismo constitúe aínda a día de hoxe unha paraxe que precisa ser visitada, revisada e posta en valor. Nomes como os de Benedicto, Miro, Araguas, Guillermo, Moscoso, Xavier, Bibiano, Noguerol, Rubia, Batallán, Canella… e cancións como Can de palleiro, Longa noite de pedra, Meu país, A vós irmáns, No Vietnam, A cea… viñan a demostrar que Galicia non permanecera allea aos acontecementos dos anos 60 e 70 que remexían o mundo e avogaban pola canción a xeito de reivindicación, a xeito de arma”.

 

A primeira parte da publicación está enfocada a aspectos teóricos, que son necesarios para comprender a magnitude e relevancia deste fenómeno da canción protesta. Na segunda parte relátase a historia dos cantautores galegos, así como os parámetros que definen a súa actuación e evolución histórica. Para iso a autora recolle as narracións dos propios actores.

 

A nosa memoria histórica está en débeda cos cantautores galegos

 

A historiadora salienta que “a historia debe contar entre as súas páxinas cun grupo de estudantes universitarios que nos anos escuros da ditadura franquista, armados coas súas guitarras e voces, tomaban partido por defender uns ideais, por transmitir unhas inquedanzas, por remover as conciencias do pobo, por intervir na vida social, e facelo en galego, e materializalo en melodías e postulándose como perpetuadores da cultura galega. Sen dúbida, a nosa memoria histórica está en débeda con eles”.

 

Na publicación recóllense os testemuños directos de cantautores como Vicente Araguas (autor do limiar), Benedicto García Villar (fundador de Voces Ceibes falecido recentemente), Guillermo Rojo, Bibiano Morón, Miro Casabella, Xavier González del Valle e Xerardo Moscoso como “alma viva dun tempo que nos precede”. Ademais, a autora contou cos relatos de diversas persoas e músicos que viviron naquela época e que lle aportaron importantes anécdotas e vivencias. Estes relatos permiten “poder comprender de primeira man os devires do que foi a Nova Canción Galega” -manifesta a historiadora-.

 

A autora enfoca a súa investigación na música popular urbana

 

Sheila Fernández Conde, natural da localidade ourensá de Xinzo de Limia, é licenciada en Historia pola Universidade de Santiago nas especialidades de Historia Contemporánea e Estudos Americanos e posúe o título profesional de piano. En 2018 rematou a licenciatura de Historia e Ciencias da Música na Universidade de Oviedo. Dirixiu o seu labor investigador á música popular urbana, doutorándose en 2016 na Universidade de Santiago co traballo Galicia ollando a Cataluña: dúas fronteiras do movemento da canción protesta (1968-1980), baixo a dirección do catedrático de Historia da Música da USC Carlos Villanueva, texto que está na base deste libro.