Un libro recolle o estudo máis completo das coleccións artísticas da catedral de Santiago

martes, 19 Decembro, 2017

Los tesoros de la catedral de Santiago é unha coedición da Fundación Catedral de Santiago, o Consorcio de Santiago, Teófilo Edicións e a Fundación Pecsa. O autor da publicación é Ramón Yzquierdo Peiró, Director técnico-Conservador do Museo catedral de Santiago.

 

A obra reúne, ao longo das súas 500 páxinas, as coleccións artísticas da catedral compostelá. Está baseada no bloque principal da tese de doutoramento titulada Las colecciones de arte de la catedral de Santiago: estudio museológico, realizada por Ramón Yzquierdo Peiró, baixo a dirección do profesor José Manuel García Iglesias, no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, que obtivo, no ano 2015, a cualificación de sobresaliente cum laude.

 

Prologado polo cóengo e Director Xeral da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, trátase do máis completo estudo que se publicou ata o momento sobre as coleccións artísticas que integran o patrimonio cultural da catedral de Santiago, desde as súas orixes aos nosos días. Este patrimonio inclúe pezas de distintas épocas e realizadas en soportes diversos que conteñen, en cada caso, fragmentos e personaxes da historia da basílica xacobea.

 

O autor aborda, inicialmente, a análise da formación das coleccións catedralicias, a súa clasificación en función da súa localización e usos, o papel que na súa conservación, estudo e xestión desempeña o Museo Catedral e os espazos do complexo catedralicio dedicados a albergar e exhibir os fondos artísticos. A continuación, leva a cabo o estudo en profundidade das distintas coleccións, organizadas en función da súa tipoloxía: arqueoloxía, epigrafía e numismática; escultura e elementos arquitectónicos; pintura, tapices, ourivaría e artes téxtiles. Cada unha delas desenvólvese en base a textos introdutorios e a unha selección de pezas e conxuntos significativos, con fichas catalográficas de cada unha delas -250 en total- acompañadas de fotografías e unha completa bibliografía específica.

 

A publicación é unha útil ferramenta de consulta á hora de afrontar o estudo de calquera aspecto relacionado coa arte na catedral, incluíndo os seus últimos achados e incorporacións. A publicación está dispoñible, entre outros lugares, nas tendas-libraría da catedral de Santiago ou na páxina web de Téofilo Edicións (www.teofilocomunicacion.com).