
No marco do XXV Congreso Nacional de Historia da arte celebrado na cidade de Murcia, o investigador galego Fernando Franjo presentou oficialmente o proxecto de investigación "Santiago Proxectado, arquitecturas non construídas", unha iniciativa expositiva pioneira que se celebrou promovida polo Consorcio de Santiago na Casa do Cabido e que reúne por primeira vez unha selección de proxectos urbanísticos e arquitectónicos de distintos estilos artísticos en Santiago de Compostela, desde a Idade Media ata finais do século XX que non chegaron a ser construídos.
No relatorio, asinada polos responsables do proxecto Fernando Franjo Franjo, Santiago Rodríguez Caramés, Ana Castro Jiménez, Paula Franjo Calvo e Juan Conde Roia, Franjo, un dos comisarios da exposición, expuxo aos expertos os detalles desta investigación que partindo dunha perspectiva histórica, combina tecnoloxía dixital e divulgación cultural para ofrecer unha nova mirada sobre a evolución urbana e patrimonial de Santiago de Compostela partindo da visibilización, análise e interpretación do patrimonio arquitectónico non construído, que por diversas circunstancias sociais, económicas, culturais, políticas e mesmo bélicas, quedou plasmado unicamente en tinta e papel.
Segundo explicou Franjo: “A arquitectura ten a virtude de poder ser vista antes de existir e o seu estudo non estaría completo se se vise reducido unicamente ao edificado. Ao longo da súa historia contamos con proxectos non construídos de grandes nomes propios da historia da arquitectura e da arte como é o caso de Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente, Francisco Pons Sorolla e xa nas últimas décadas outros autores como Rafael Moneo, Alejandro da Sota, Álvaro Siza ou Norman Foster”, apuntou.
Exposición e catálogo
Destacou ademais a transversalidade deste proxecto de investigación e divulgación do Consorcio de Santiago formado por un equipo multidisciplinar de historiadores da arte e arquitectos e mostrou as recreacións 3D e axonometrías que se incorporaron tanto na mostra que se celebrou hai uns meses na Casa do Cabido de Santiago como na publicación posterior, que aparecerá nas próximas semanas nunha coedición entre o Consorcio de Santiago e Teófilo editores.
Nunha das únicas propostas alleas ao mundo universitario expostas no Congreso, neste caso avalada polo Consorcio de Santiago, que reuniu a máis de 300 expertos e investigadores de toda España, Fernando Franjo destacou que o obxectivo fundamental do proxecto foi “analizar, visibilizar e interpretar catorce proxectos arquitectónicos e urbanísticos non realizados, que “son unha parte do noso patrimonio intanxible, que podería transformar a narrativa urbanística e a lectura da historia da arte da cidade de Compostela e que non por descoñecidos ou invisibilizados deben ser esquecidos”. e neste sentido destacou a aparición do libro catálogo da mostra que se publicará nas próximas semanas nunha coedición entre o Consorcio de Santiago e Teófilo editores.
O congreso, que se celebrou baixo o lema "A cidade e as Artes" entre o 30 de setembro e o 4 de outubro, ofreceu un foro de reflexión sobre a relación entre a cidade, as artes e o patrimonio, así como o seu papel na sociedade actual e nos retos do futuro.