
O Consorcio de Santiago súmase do 19 ao 22 de maio á Semana da Administración Aberta, unha iniciativa de carácter internacional impulsada pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), que ten como obxectivo achegar a cidadanía ás administracións públicas e dar a coñecer o seu funcionamento e actuacións.
Baixo o lema “Ven e coñécenos!”, o organismo organiza un programa de actividades de balde e abertas ao público que permitirá coñecer de primeira man o seu labor na conservación do patrimonio, na rehabilitación arquitectónica e na promoción cultural en Santiago de Compostela.
Ao longo de catro días, as persoas participantes poderán acceder a espazos de especial interese patrimonial e cultural, así como coñecer distintas actuacións impulsadas polo Consorcio en diferentes fases. Así, inclúense a visita á Igrexa das Ánimas, na que o Consorcio realizou no ano 2011 a restauración dos seus retablos; á obra de restauración do hórreo situado no Parque de Vista Alegre, actualmente en execución; e á Igrexa de Santa María de Conxo, onde se levará a cabo unha intervención proximamente.
No ámbito cultural, o programa inclúe a posibilidade de asistir a ensaios da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia, así como a visita á Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), ambas entidades xestionadas polo Consorcio, ofrecendo unha visión directa do seu funcionamento e da actividade musical na cidade.
Ademais, abriranse as portas da sede do Consorcio no Pazo de Vaamonde, edificio que foi residencia do doutor Vaamonde, coñecido e popular médico compostelán que introduciu os raios X na cidade, permitindo á cidadanía achegarse tamén á súa historia e á actividade institucional que hoxe acolle.
As prazas para as actividades son limitadas, polo que será necesaria inscrición previa a través do teléfono 981 57 47 00 ou do correo electrónico prensa@consorciodesantiago.org antes do luns 18 de maio.
Programa de actividades:
· Visita á Igrexa de Santa María de Conxo
Martes 19 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Rúa de Sánchez Freire, 128
· Visita á restauración dos retablos da Igrexa das Ánimas
Mércores 20 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Rúa das Casas Reais, s/n
· Asistencia ao ensaio da Real Filharmonía de Galicia
Mércores 20 de maio / 15:30 h – 17:30 h
Xoves 21 de maio / 10:00 h – 12:00 h
Auditorio de Galicia, Sala Ángel Brage
· Apertura da sede do Consorcio de Santiago
Xoves 21 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Pazo de Vaamonde, Rúa do Vilar, 59
· Visita á EAEM e á obra de restauración do hórreo no Parque de Vista Alegre
Venres 22 de maio / 11:00 h – 12:30 h
Rúa de Vista Alegre, 1B