O Consorcio de Santiago publica unha convocatoria para a redacción técnica de proxectos de mantemento e rehabilitación dos grandes monumentos da cidade histórica compostelá

mércores, 24 Xaneiro, 2024

 Cultura de mantemento e da prevención

O Consorcio de Santiago lanza un novo programa para o fomento da cultura de mantemento e prevención a través dunha convocatoria destinada a cubrir os custos de redacción da documentación técnica para a realización de obras de mantemento e rehabilitación, dirección facultativa e a redacción do plan de mantemento. Con este programa, o Consorcio de Santiago aposta unha vez máis por brindar apoio técnico e profesional ás persoas propietarias ou usufrutuarias dos inmobles de carácter monumental da Cidade Histórica de Santiago.

 

Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas ou entidades, tanto públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que ostenten a titularidade do inmoble poderán beneficiarse deste programa; tamén poderán presentar a súa solicitude persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen ánimo de lucro que acrediten unha cesión do inmoble por un prazo mínimo de 10 anos desde a data de solicitude da subvención.

 

Requisitos dos inmobles

Os inmobles monumentais que poderán acollerse a esta nova convocatoria deberán cumprir unha serie de requisitos. O primeiro, localizarse no ámbito da Cidade Histórica de Santiago de Compostela incluído na listaxe de patrimonio mundial da UNESCO desde 1985, correspondéndose este ámbito co do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, PE1-1, e co ámbito do Conxunto de Conxo, PE-1R.

 

O segundo, é que deben pertencer ao Nivel 1 do PE1, edificios monumentais e de valor excepcional, arquitectónico, histórico-artístico e cultural, Nivel 2 do PE1, edificios de características singulares e de elevado valor arquitectónico, histórico e cultural e Nivel 1 do PE-1R, no que se atopa a Igrexa, Mosteiro e Hospital Psiquiátrico de Conxo, e os seus xardíns, hortas, accesos e núcleos da contorna.

 

Ademais de pertencer a un dos tres niveis de catalogación, os inmobles deben estar destinados, ao menos por 10 anos, a un dos seguintes usos: oficinas clase III, docente, universitario, sanitario, asistencial, socio-cultural, relixioso, recreativo e administración pública ou institucional.

 

A listaxe completa está dispoñible na documentación da convocatoria dispoñible na Sede Electrónica do Consorcio de Santiago (https://www.consorciodesantiago.gob.es/tablondeanuncios/).

 

Orzamento máximo subvencionable

Xa que o programa outorga unha serie de subvencións en especie, o cálculo do orzamento máximo subvencionable por proxecto dependerá da valoración económica dos honorarios da documentación técnica a elaborar, ademais da dirección de obra e o plan de mantemento.

 

Prazo de execución da obra

Unha vez publicada a resolución da concesión da axuda, o prazo de execución da dirección da obra será de 4 anos.

 


Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación está aberto ata o vindeiro 20 de febreiro. As solicitudes poderanse presentar telemáticamente na sede electrónica do Consorcio de Santiago habilitada para esta subvención ( https://www.consorciodesantiago.gob.es/carpetaciudadana/tramite.aspx?idtramite=24207) e no Rexistro do Consorcio de Santiago de Compostela, na rúa do Vilar 59. Atenderanse dúbidas e consultas tanto presencialmente como por vía telefónica.