Exposición de fotografías “Vínculos de Compostela” na Casa do Cabido

domingo, 8 Novembro, 2020

A Casa do Cabido acolle a exposición ”Vínculos de Compostela”, unha mostra colectiva da Asociación Cultural Fotoforum Compostela.

 

Un mapa emocional da cidade

 

A mostra está integrada por un total de 55 fotografías, a través das cales se amosa o proceso de sensibilización patrimonial dos fotógrafos que participan na mesma. Tal como explican desde Fotoforum Compostela, esta exposición “non se centra no monumental, senón na relación consciente das persoas con espazos, lugares e xentes da cidade”. Para levar a cabo este reto, os membros de Fotoforum Compostela tiveron que documentarse sobre lugares, historias e personaxes para despois reflexionar e identificar o seu vínculo con eles. Así, reflíctense vínculos e emocións con parques e cemiterios; con locais comerciais, tabernas e espazos do Ensanche; e co centro histórico.

 

A exposición tenta compartir co público este traballo de creación interna que cada fotógrafo experimentou ao longo do proceso; por iso, cada unha das pezas vai acompañada dunha cartela explicativa na que se inclúe a súa emoción ao (re)descubrir Compostela, alén dos datos do autor. O resultado guía a construción dun mapa emocional a partir da apropiación simbólica que os fotógrafos realizaron de 53 localizacións emblemáticas de Compostela.

 

A xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou na inauguración o feito de que, a través desta iniciativa, “fotógrafos non profesionais da cidade se implicaran en tomar espazos emblemáticos da mesma e darlles outra ollada”. Pola súa parte, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, puxo de manifesto que “as cidades non poden existir sen as persoas, fanas vivas, activas e dinámicas” e convidou ao público a “desfrutar deste magnífico traballo, cargado de sensibilidade”.

 

Fotoforum Compostela

 

A Asociación Cultural Fotoforum Compostela comezou a súa actividade no ano 2011 e desde entón ten acadado una gran repercusión, tanto pola diversidade das actividades que organiza como pola dinamización que esta proposta representa no eido da fotografía, non só na cidade de Santiago senón en toda Galicia. Este proxecto común naceu da iniciativa de Fuco Reyes, fotógrafo compostelán, que percibiu moi axiña a necesidade de fomentar a creación dun foro de intercambio e aprendizaxe neste ámbito.

 

Horarios da exposición

 

A exposición poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas; os luns está pechada ao público. Cando comece o horario de inverno -coincidindo co cambio de hora-, o horario pasará a ser de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas, pechando tamén os luns.