A Comisión Executiva do Consorcio aproba o encargo á empresa Tragsa da redacción do proxecto e a execución da obra do Centro Loxístico de Mercadorías da Cidade Histórica

xoves, 9 Marzo, 2023

A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago reuniuse este xoves para aprobar, entre outros asuntos, o encargo á empresa Tragsa da redacción do proxecto mais a execución da obra do Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías da Cidade Histórica por un importe de 4.598.000 euros.

 

Presidida polo alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, na xuntanza participaron os representantes das outras dúas administracións que conforman o Consorcio de Santiago: pola Administración Xeral do Estado estivo Ángel Esteban Paúl, inspector xeral do Ministerio de Facenda e Función Pública, e pola Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, Director Xeral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

Ademais, tamén asistiron os representantes dos diferentes grupos municipais, así como o secretario do Consorcio e o interventor.

 

Outros asuntos

Noutros puntos da orde do día, a Comisión aprobou un incremento de crédito para a obra de reparación da cuberta do Palacio de Congresos de Santiago, xa que despois de ter que rescindir o primeiro contrato da obra pola suba dos prezos dos materiais, foi recalculado o orzamento, que agora ascenderá a máis de dous millóns de euros.

 

Outro dos puntos foi a aprobación nesta xuntanza da convocatoria dunha praza temporal de frautista para a Real Filharmonía de Galicia.

 

Centro loxístico de mercadorías
O Centro Loxístico de Provisión e Distribución de Mercadorías da Cidade Histórica será un proxecto pioneiro da loxística de última milla con especial incidencia na distribución de produtos esencialmente alimentarios, e que aspira a servir de modelo para outras mercadorías, como paquetería, outros centros históricos e o resto de zonas urbanas. Este Centro buscará contrbuír a reducir as emisións nocivas para o medio ambiente, reducindo o impacto deste tipo de tráfico sobre o patrimonio e a vida no Casco Histórico (liberación de espazo público, redución do número de accidentes, danos no firme e nas edificacións, etc).

 

O custe da execución será de 4.598.000, aos que se suman os preto de 470.000 euros xa destinados á empresa Uninova para encargarse do gabinete técnico do proxecto.