Este luns inaugurouse unha nova exposición na Casa do Cabido, organizada polo Consorcio de Santiago. Nesta ocasión, o edificio vai acoller unha mostra sobre as rúas do casco histórico de Santiago. Un percorrido a través da historia e da evolución do rueiro, con informacións sobre a orixe dos seus nomes e a súa historia. En total a exposición amosa os segredos dun total de 61 rúas. Tamén se inclúen mapas históricos da cidade e algunhas das antigas placas cos nomes das rúas que estiveron colocadas ata 1965.
A exposición conta coa colaboración do Ateneo de Santiago coa inclusión dun vídeo con fotografías antigas da cidade.
Esta nova exposición ven continuar o programa cultural do Consorcio de Santiago para a Casa do Cabildo, logo da exposición sobre a historia da Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, pola que pasaron case 7.985 persoas durante os catro meses que estivo aberta.
Exposición
Rúas de Compostela. De onte a hoxe
Casa do Cabido. Praza de Praterías, Santiago de Compostela
Martes a sábados: 10h a 14h / 16h a 20h (Verán: 17h a 21h)
Domingos de 11h a 14h.
Luns pechado.
Entrada libre.