“Un paseo pola Muralla de Santiago” nos Luns do Ateneo

“Un paseo pola Muralla de Santiago” nos Luns do Ateneo
martes, 5 Novembro, 2013

No marco de “Os Luns do Ateneo”, o Ateneo de Santiago celebrou o 4 de novembro unha conferencia baixo o título “Un paseo pola Muralla de Santiago”. Trátase da presentación da Web-App “Vive la muralla”, unha aplicación informática desenvolta polo Consorcio de Santiago en colaboración co Concello, que permite navegar e coñecer mellor a antiga muralla que rodeaba a cidade compostelá. A xerente do Consorcio, María Antón, presentou esta aplicación. E os arquitectos do Consorcio responsables da iniciativa, Idoia Camiruaga e Pablo Tomé, deron a coñecer todas as posibilidades que ofrece.

 

Esta ferramenta (http://murallasantiagodecompostela.com/) é unha guía para descubrir que a cidade segue amurallada. Santiago de Compostela, como toda cidade medieval, estivo delimitada e defendida por unha muralla. Non obstante, sobre todo nos últimos decenios, pensouse que levaba destruída máis dun século. En realidade consérvanse algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios e baixo o pavimento das rúas e prazas da cidade. Ademais, consérvase a súa traza.

 

Froito de diversos estudos e investigacións, na actualidade posúese moita información sobre o seu aspecto e é posible localizar algunhas das súas partes. Así, esta aplicación recolle o resultado dos últimos traballos levados a cabo polo Concello de Santiago e o Consorcio. E pode verse tanto dende un ordenador conectado a Internet como con calquera tablet ou smartphone con conexión de datos. A finalidade é que os cidadáns e os visitantes se animen a vivir a aventura de percorrer as murallas de Santiago de Compostela e a completalas coas súas propias experiencias.

 

A aplicación proporciona planos e información sobre a historia da muralla: a súa orixe, significado, características, usos e a súa evolución ao longo dos séculos, xa que se derrubou de xeito paulatino no XIX. Tamén se recolle unha galería de mapas, planos de detalle da construción, fotografías antigas da cidade e imaxes actuais do casco histórico, debuxos e mesmo sons e vídeos do fluír da cidade en diferentes momentos do día, ou un puzzle que permite construír a muralla, entre outras posibilidades.