Preséntase «La saga Courtier en Galicia», un libro sobre unha familia de músicos na Compostela do século XIX

Preséntase La saga Courtier en Galicia, un libro sobre unha familia de músicos na Compostela do século XIX
luns, 28 Outubro, 2013

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican unha obra sobre a familia Courtier no século XIX titulado La saga Courtier en Galicia, obra dos irmáns Beatriz e Alberto Cancela Montes.

 

Tal como recolle no prólogo do libro Xerardo Fernández Albor, a beleza da cidade seguramente levou a Juan Courtier (Barcelona, 1780, de pai suízo) a afincarse en Compostela no ano 1818, ocupando o posto de primeiro violín na capela da Catedral, “e perpetuar a presenza do seu apelido a través de seus fillos José, Hilario e Juan, e dos seus netos, entre eles, Ricardo”.

 

Os autores da publicación sinalan no preludio que é un traballo musicolóxico onde consideraron “conveniente” relacionar o momento vital de cada un dos catro músicos principais coas súas distintas facetas de intérpretes, docentes ou mesmo compositores. A obra foi recoñecida cunha “Mención especial” no 2º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán, da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago e a Universidade de Santiago.

 

Os irmáns Beatriz e Alberto Cancela indican que os Courtier, así como os seus coetáneos, estenderon un novo concepto de música e das propias funcións do músico: “Instrución, formación e creación de todo tipo de agrupacións musicais, así como a renovación dos repertorios, destacan entre as súas facetas, instruíndo ou dirixindo a capela musical da Catedral e agrupacións camerísticas, pero tamén a orquestra do Teatro Principal, a Charanga de Afeccionados, a Tuna, etcétera, do seu tempo”. A versatilidade de Ricardo, neto do patriarca, propiciou que permanecese nos repertorios da música tradicional galega, “pero desta saga seguro que hai máis música da que se conserva”, sinalan os autores desta publicación.

 

Beatriz Cancela (Santiago, 1981) dedícase á investigación e á súa tese de doutoramento sobre a Banda Municipal de Santiago, mentres que o seu irmán Alberto Cancela (Santiago, 1984) é profesor de música en diversos centros de Compostela, Mazaricos, Santa Comba e Porto do Son.

 

Ademais de arquivos e fondos, os irmáns Cancela Montes recorreron á prensa da época para documentar e contrastar, procura que consideran “imprescindible: En Galicia topamos cun gran corpus hemerográfico, magnífico e mesmo dixitalizado”. Salientan pola súa relevancia cara ao seu traballo as seguintes cabeceiras: Diario de Santiago (1873-1878), La Gaceta de Galicia. Diario de Santiago (1879-1918), El Eco de Santiago (1896-1938) ou El Compostelano (1920-1946). Cómpre salientar, ademais, que boa parte das fotografías que se recollen no libro son inéditas.

 

Pezas breves de salón, muiñeira e zarzuela soaron no Casino

 

La saga de los Courtier en Galicia presentouse nun acto literario e musical o luns 28 de outubro, no Casino de Santiago, onde tres alumnas do Conservatorio Histórico de Santiago, Edurne Pérez Béliz, Lucía Cerviño Sánchez e Erica Rodríguez Quiroga, interpretaron ao piano obras da familia Courtier: Mazurka (Hilario Courtier), Marina (José Courtier), a muiñeira Flor de cardo (Ricardo Courtier) e ata un fragmento dunha zarzuela galega pola que Ricardo será moi coñecido, xa que se trata dunha obra que se incluirá na maioría dos repertorios de bandas, salóns e mesmo de agrupacións de música tradicional.


Na presentación, ademais dos autores, participaron o presidente do Consorcio e alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto co director da editorial Alvarellos, Enrique Alvarellos. Así mesmo, asistiron ao acto a xerente do Consorcio, María Antón, e o responsable de publicacións deste organismo, Juan Conde.