O Consorcio de Santiago recibe un premio por ser a primeira entidade en Galicia en implantar Sedipualb@

Premio Sepualb@
venres, 18 Outubro, 2024

O Consorcio de Santiago asistiu o xoves 17 e o venres 18 de outubro ao II Congreso Sedipualb@, organizado no Palacio de Congresos de Albacete. Na cerimonia de clausura celebrouse unha entrega de recoñecementos a distintos organismos e persoas e na que o Consorcio de Santiago recibiu un galardón por ser a primeira entidade de Galicia en implantar a plataforma de administración electrónica Sedipualb@. Desta forma quixeron recoñecer a aposta pioneira do Consorcio de Santiago no proxecto de reutilización de Servizos Públicos Dixitais de Sedipualb@. O galardón foi recollido por Ramón Fernández Hermida, arquitecto coordinador de proxectos e responsable do equipamento informático da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago. Fíxolle entrega do premio José Joaquín de Haro Navarro, Xefe de Servizo de Modernización Administrativa e TIC da Deputación de Albacete e responsable do desenvolvemento da ferramenta colaborativa Sedipualb@ desde os seus inicios.

 

Sedipualb@ é unha plataforma pública e aberta de Administración Electrónica, premiada co Certificado de Excelencia da Comisión Europea e o Best Practice do Instituto Europeo de Administracións Públicas (EPSA), e é utilizada por máis de 1.000 Administracións Públicas en España e mais de 25.000 usuarios, de 17 comunidades autónomas. A posta en funcionamento da Plataforma no Consorcio de Santiago foi en setembro de 2023, sendo o día 11 a primeira vez que un cidadán realizou o trámite de presentación dun documento no Rexistro de Entrada do organismo. Previamente, o persoal do Consorcio estivo traballando na versión de pre-produción para a aprendizaxe, coñecemento da ferramenta, axustes de funcionamento, etc. 


O proxecto integra distintas ferramentas fundamentais nos trámites mais frecuentes nas Administracións e na relación destas coa cidadanía. Por exemplo, para a xestión do rexistros de entrada e saída de documentos (SERES); o sistema electrónico de xestión de expedientes (SEGEX); SEFYCU como sistema de firma e custodia de documentos; SECA que é o sistema para a xestión dos contratos administrativos...