Este mes estase a celebrar en Santiago MICAtlántica, o Mercado de Industrias Culturais Atlánticas. Esta iniciativa está promovida pola Secretaría de Cultura de la Nación Argentina e a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. No marco deste proxecto, ofreceranse unha serie de espectáculos musicais e teatrais con artistas arxentinos e galegos.
O primeiro destes eventos celebrarase mañá venres, 22 de novembro, da man da Real Filharmonía de Galicia (RFG), que nesta ocasión dirixirá o director de orquestra e compositor arxentino José Luis Castiñeira de Dios, coa participación do grupo de tango Cristian Zarate Sexteto. Renderanlle unha homenaxe á música no cine arxentino. Será no Auditorio de Galicia, ás 20.30 horas.
A orquestra tocará pezas do propio Castiñeira. Interpretarán un total de sete das súas obras realizadas para o cine. Trátase de Debajo del mundo, da película homónima; Violento, do filme “La noche de los lápices”; Primeros pasos, de “Canción desesperada”; La amiga, da película do mesmo nome; suite do filme “El rigor del destino”; unha suite de “Eva Perón” e unha suite do filme “Cipayos”. O compositor, autor de innumerables bandas sonoras, gañou, entre outros premios, un César, que outorga a Academia de Cine de Francia, á mellor música de películas por “El exilio de Gardel”.
A Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Castiñeira, interpretará tamén tres obras do compositor arxentino Astor Piazzolla, considerado un dos mellores músicos do século XX, en particular de tango. Autor de múltiples bandas sonoras para a industria cinematográfica, destaca o caso de Oblivion. Esta obra foi nominada en 1993 para os premios Grammy na categoría de Mellor Composición Instrumental. Tocarán, ademais desta, Contramilonga a la funerala e Solicitude.