O Consorcio de Santiago reúne ao seu Consello de Administración

Comisión Executiva do Consorcio de Santiago
venres, 20 Febreiro, 2026

O Consello de Administración do Consorcio de Santiago vén de aprobar na súa reunión de 18 de febreiro de 2026 as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2026 dunha liña de axudas para subvencionar a intervención en tres inmobles senlleiros da cidade, no marco das subvencións directas que esta entidade concede para intervencións de rehabilitación e restauración de inmobles de valor histórico e patrimonial.

 

Así, acordouse a execución de obras de conservación e mellora da eficiencia enerxética na fachada norte do Pazo de Raxoi, en continuidade cos traballos desenvolvidos previamente noutras zonas do edificio, cun importe de 700.000 euros; no conxunto de San Domingos de Bonaval autorizouse a rehabilitación da torreta da fachada leste, cun orzamento de 504.000 euros; e na Igrexa de Santa María de Conxo aprobouse a restauración das carpintarías das portas xunto coa instalación dun novo sistema de iluminación, para o que se destinarán 418.000 euros. O importe destas axudas ascende, polo tanto, a 1.622.000 euros.

 

No transcurso da sesión tamén se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria na anualidade 2026 para subvencionar, en concorrencia competitiva, a elaboración de proxectos técnicos que teñan por obxecto a realización de intervencións de rehabilitación e restauración de inmobles de valor histórico e patrimonial no termo municipal de Santiago de Compostela por parte do persoal técnico do Consorcio de Santiago.

 

Máis concretamente, serán actuacións subvencionables a través desta liña de subvención a elaboración de proxectos básicos e de execución e a elaboración de proxectos de traballos de restauración e de arqueoloxía asociados, así como a elaboración de plans de mantemento do inmoble de valor histórico e patrimonial.

 

Por último, aprobouse a concesión dunha subvención directa do Consorcio de Santiago ao programa Conciencia da Universidade de Santiago de Compostela por un importe de 25.000 euros, que desde o ano 2006 convida aos personaxes máis influentes da investigación e do coñecemento do mundo para que divulguen os seus avances na capital de Galicia.