
A presidenta do Consorcio de Santiago e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, visitou xunto ao xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela, e persoal técnico responsable do proxecto, o hórreo da Finca de Vista Alegre unha vez rematadas as obras de restauración impulsadas polo organismo interadministrativo para garantir a conservación e recuperación deste destacado elemento do patrimonio etnográfico compostelán.
O Consorcio destinou a esta actuación un investimento de 18.139,39 euros IVA incluído, que permitiu actuar sobre un hórreo de comezos do século XX que presentaba un avanzado estado de deterioración, con danos na cuberta, nos elementos estruturais de madeira, nas carpintarías e nos paramentos pétreos.
Os traballos realizados incluíron a limpeza integral da contorna e do interior da construción, a restauración da cuberta mediante a reparación das cerchas de madeira de castiñeiro e a recuperación da cubrición tradicional con tella, así como a restauración das portas e das súas ferrallas mediante técnicas tradicionais. A intervención completouse coa limpeza e rexuntado dos elementos pétreos e coa aplicación de tratamentos destinados a mellorar a conservación do conxunto e evitar filtracións de auga.
Todas as actuacións executáronse seguindo criterios de mínima intervención e respecto polos sistemas construtivos tradicionais, preservando os valores históricos, etnográficos e arquitectónicos do hórreo.
Contexto patrimonial
A Finca de Vista Alegre, coñecida historicamente como Finca Simeón, constitúe un espazo de gran valor patrimonial e paisaxístico. Os primeiros rexistros documentais remóntanse ao ano 1796, cando aparece citada en planos da cidade como Horta de San Martín. Xa a comezos do século XX, a familia Simeón adquiriu a propiedade e transformouna nun pazo con horta, árbores froiteiras e diversos elementos singulares, como estatuas ornamentais, un cruceiro e o propio hórreo, que se pensa foi construído de maneira simultánea á residencia, unha edificación de estilo colonial datada en 1903, con ampla galería e estancias principais abertas ao xardín mediante unha balconada, ademais dunha pequena capela.
O recinto foi adquirido en 1995 polo Consorcio de Santiago para a súa rehabilitación como parque público, proceso iniciado en 1999 a partir dun proxecto de Arata Isozaki e César Portela. Na actualidade, a finca mantense como un xardín que acolle destacados equipamentos culturais e académicos, como a Casa de Europa, o Centro de Estudos Avanzados, a Escola de Altos Estudos Musicais e o Museo de Historia Natural, configurando un dos enclaves máis singulares da cidade.